Thursday 16 de May de 2024

O BNG demanda reforzar as patrullas para evitar excesos de ruído e actos vandálicos


Os veciños e veciñas de varios puntos do centro urbano de Ribeira puxéronse en contacto co Bloque Nacionalista Galego para transmitir unha molestia constante que padecen cada fin de semana polo ruído producido durante as horas de ocio nocturno.

Cómpre destacar que os problemas non se rexistran polo funcionamento dos establecementos hostaleiros. Segundo os veciños e veciñas o principal problema que lles impide un correcto descanso ocasiónano os berros, e algunha que outra pelexa, que algunhas persoas fan a altas horas da madrugada fóra dos propios establecementos.

Desde o BNG entenden que o ocio nocturno e o dereito ao descanso poden convivir perfectamente pero para iso é necesario articular solucións que permitan conciliar ámbalas dúas cuestións. Deste xeito, propoñen que durante as madrugadas a policía incremente os seus percorridos polas zonas con maior afluencia de persoas. “Coa simple presenza policial estamos seguros de que o ruído exterior se podería reducir de maneira considerable, sobre todo se os axentes lles advirten, ás persoas que estea berrando, da obrigación de falar máis baixo”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, considera que esta é só algunha das medidas que o goberno local podería poñer en marcha pero esixiría incrementar o número de efectivos da Policía Local, cuestión que o BNG xa demandou en diversas ocasións contando coa negativa do Partido Popular. Pérez Barral bota man dos datos para recriminar que o goberno ribeirense mantén a Policía Local moi por baixo dos efectivos necesarios pois, mentres as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado. Ribeira ten case 27.000 habitantes polo que deberíamos contar con 49 axentes pero seguiremos moi lonxe desa cifra.

Os nacionalistas lamentan que as consecuencias páganas os propios axentes que teñen que asumir unha maior carga de traballo pero tamén a poboación. Incrementar o número de axentes contribuiría, ademais, a loitar contra os actos vandálicos e incrementaría a seguridade cidadá, mellorar a calidade e a rapidez nas actuacións e un longo etcétera.

“Ribeira é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo, cremos que é unha necesidade un incremento policial inmediato” conclúe Barral.

Ante estas cuestións o BNG vai solicitarlle ao goberno local que, no inmediato, incremente os percorridos nocturnos para evitar que as persoas que están na rúa provoquen un ruído excesivo que impida o descanso da veciñanza e, a medio prazo, incremente o cadro da Policía Local para cumprir co número suficiente de axentes por número de habitantes.